Sunday 28 de April de 2024

O Concello de San Sadurniño organiza un obradoiro de escritura con perspectiva de xénero para o sábado 25 de novembro


O día 25 de novembro reivindicamos a eliminación da violencia contra as muller. Cadrando coa data, a Concellaría de Igualdade organiza un obradoiro de Tempos para Compartir que nesta ocasión terá como tema principal a escritura creativa con perspectiva de xénero. Aprenderemos técnicas para redactar textos cunha linguaxe inclusiva e igualitaria, ademais de ver fórmulas que nos axudarán a expresar os nosos sentimentos de maneira imaxinativa e reflexionando ao mesmo tempo sobre a desigualdade de xénero, as violencias exercidas contra as mulleres e nenas, a igualdade, a xustiza, a fortaleza e a construción dunha historia tamén en feminino.

Para este Tempos…, que terá lugar o propio sábado 25 na Casa da Xuventude entre as 18:00 e as 20:00h, contaremos coa colaboración de María Pilar Hermosa, veciña de Lamas e escritora con ampla experiencia dirixindo clubes de lectura, ofrecendo sesións de contacontos, e demais actividades relacionadas co mundo da literatura.

As prazas son limitadas e iranse cubrindo por orde de solicitude a través do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamando polas mañás ao 695 876 178.

Ademais deste obradoiro, a programación municipal co gallo do Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller tamén inclúe, o venres 24, Contos pola Igualdade para a rapazada da EIM A Rolada e unha xuntanza do grupo do proxecto O Lavadoiro coas persoas usuarias do Centro de Día.

O luns 27, as facilitadoras do Lavadoiro tamén visitarán en Santiago o Centro de Recuperación Integral para Vítimas da violencia de xénero, co obxectivo de coñecer a fondo este recurso e como funciona.